A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marian Ferreiro, e a titular da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, inauguraron a exposición fotográfica “O que o ollo sente”, sobre muller e discapacidade, no Pazo da Cultura naronés, nun acto no que estiveron acompañadas polo artista, Manuel Patinha, autor das imaxes, entre outras personalidades.

A exposición lévanos a descubrir o mundo interior e exterior das protagonistas das imaxes de Patinha quen, co seu obxectivo, captura, sente e interpreta o moito que estas mulleres teñen que dicir.

Para isto contamos coa inestimable colaboración do recoñecido artista Manuel Patinha quen, co seu traballo, aportou esta visibilidade tan necesaria para seguir traballando no desenvolvemento independente e a participación das persoas con algún tipo de discapacidade en tódolos aspectos da vida.
Así mesmo, con esta exposición preténdese pór o énfase no feito de que a integración destas persoas na sociedade non depende somentes delas, senón do que esa sociedade lles poida ofrecer en forma de aportacións que van desde a eliminación de barreiras físicas ata a eliminación de perxuizos limitantes.