13.3.18

Inauguramos a exposición "O que o ollo sente"

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marian Ferreiro, e a titular da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, inauguraron a exposición fotográfica “O que o ollo sente”, sobre muller e discapacidade, no Pazo da Cultura naronés, nun acto no que estiveron acompañadas polo artista, Manuel Patinha, autor das imaxes, entre outras personalidades.

 “O que o ollo sente” é unha mostra que vai máis aló dunha colección fotográfica, porque pretende achegar ó público o día a día das persoas con discapacidade buscando a reflexión daquel que mira as imaxes. A escolma, que estará aberta ao público dende hoxe ata o vindeiro día 26 de marzo, céntrase na figura feminina, protagonista de todas as nosas actividades deste mes.

A exposición lévanos a descubrir o mundo interior e exterior das protagonistas das imaxes de Patinha quen, co seu obxectivo, captura, sente e interpreta o moito que estas mulleres teñen que dicir.
Os obxectivos que nos levaron a realizar esta mostra foron, principalmente, o de visibilizar a discapacidade, loitar contra os estereotipos e sensibilizar á sociedade coa meta de acadar a inclusión das persoas con diversidade funcional.
Para isto contamos coa inestimable colaboración do recoñecido artista Manuel Patinha quen, co seu traballo, aportou esta visibilidade tan necesaria para seguir traballando no desenvolvemento independente e a participación das persoas con algún tipo de discapacidade en tódolos aspectos da vida.

Así mesmo, con esta exposición preténdese pór o énfase no feito de que a integración destas persoas na sociedade non depende somentes delas, senón do que esa sociedade lles poida ofrecer en forma de aportacións que van desde a eliminación de barreiras físicas ata a eliminación de perxuizos limitantes.

No hay comentarios: