O voluntariado é unha forma de participación social que contribúe a construír unha sociedade máis solidaria, comprometida e cohesionada. Para que sexa realmente inclusivo, é fundamental que todas as persoas teñan a oportunidade de participar activamente, achegar as súas capacidades e formar parte da vida comunitaria.
Co obxectivo de dar visibilidade a esta realidade, a Asociación Sociocultural ASCM presenta o Mapa do Voluntariado Inclusivo de Ferrolterra, un mapa interactivo que recolle as entidades da comarca que contan con persoas con discapacidade entre o seu voluntariado.
Esta iniciativa permite coñecer as entidades que xa están a abrir espazos de participación inclusiva e achegar á cidadanía exemplos de que o voluntariado é unha oportunidade para todas as persoas, independentemente das súas capacidades.
Ademais de visibilizar estas experiencias, o mapa pretende servir como punto de partida para fomentar novas colaboracións entre entidades, favorecer o intercambio de experiencias e animar a máis organizacións a incorporar prácticas inclusivas nos seus programas de voluntariado.
Desde a ASCM defendemos que as persoas con discapacidade non só deben ser destinatarias de accións solidarias, senón tamén protagonistas activas da sociedade, con dereito a participar, colaborar e contribuír ao ben común.
Porque un voluntariado máis inclusivo é un voluntariado máis diverso, enriquecedor e representativo da sociedade na que vivimos.
Consulta o Mapa do Voluntariado Inclusivo de Ferrolterra:

No hay comentarios:
Publicar un comentario