17.1.14

CERTIFICACION E ACREDITACION DA EXPERIENCIA DO VOLUNTARIADO

A DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE E VOLUNTARIADO ULTIMA O NOVO REXISTRO QUE PERMITIRÁ CERTIFICAR E ACREDITAR A EXPERIENCIA DAS PERSOAS VOLUNTARIASO

Consello da Xunta avaliou hoxe o proxecto de orde polo que se crea esta ferramenta, que agora pasará a incorporar unha sección destinada exclusivamente a certificar e acreditar a experiencia. O Goberno galego coñeceu tamén o borrador de decreto que regula o Consello Galego de Acción Voluntaria, no cal se recolle unha maior representación das entidades que traballan neste eido. O número de asociacións de acción voluntaria medrou un 15 por cento nos últimos anos, ata superar as 860. Actualmente en Galicia hai inscritos máis de 36.400 voluntarios.A Consellería de Traballo e Benestar está a ultimar o novo Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, que substitúe o anterior, co fin de incorporar unha sección destinada exclusivamente ás persoas voluntarias, que terá como obxectivo certificar e acreditar a experiencia destas persoas. O Consello da Xunta avaliou hoxe o proxecto de orde que crea esta ferramenta, nunha reunión na cal tamén coñeceu o borrador de decreto que regula o novo Consello Galego de Acción Voluntaria. Ambos os textos serán remitidos agora ao Consello Consultivo para seguir coa súa tramitación. A Lei de acción voluntaria de Galicia de 2011, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, establecía –entre outras novidades- a posibilidade de que as persoas voluntarias obtivesen certificación da súa participación en diferentes accións, co fin de poder acreditar un historial de experiencias. Esta mesma norma incluía, polo tanto, a necesidade de creación dun novo rexistro de acción voluntaria, que é o que aborda no proxecto de orde presentado hoxe na reunión do Goberno galego. Para crear esta ferramenta, é preciso derrogar o anterior rexistro, que só estaba destinado a entidades e non a persoas. Este instrumento asume, pois, as funcións de cualificación e inscrición tanto dos voluntarios como das entidades (a través de dúas seccións diferenciadas), así como as de certificación das distintas accións que desenvolvan os voluntarios. Cabe lembrar tamén que as entidades deben estar inscritas nel para poderen obter subvencións, así como para subscribiren convenios coas administracións públicas. Hai tres categorías xerais de entidades que se poden anotar: as integradas na Administración autonómica, as locais ou as privadas sen ánimo de lucro. Todas elas deberán traballar nalgunha ou varias das seguintes áreas de actuación: acción social, cultura, ambiente, cooperación ao desenvolvemento ou outras accións.Consello de Acción Voluntaria A reunión do Consello da Xunta estudou tamén hoxe o proxecto de decreto que regula o novo Consello Galego de Acción Voluntaria. Segundo a Lei de voluntariado de 2011, este é o máximo órgano de participación, coordinación, asesoramento e materia nesta área. A mesma norma recolle que se establecerá regulamentariamente a composición e organización deste organismo, que xa existía pero que agora se modifica. Con esta normativa dótanse de maior representación as entidades que traballan neste eido, en detrimento da Administración autonómica. Con este mesmo fin, créase unha vicepresidencia segunda para o representante da confederación con maior número de entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria. O obxectivo é que os axentes que traballan neste ámbito conten cun maior peso no órgano, que ademais pasa a incorporar tamén as universidades. O obxectivo, polo tanto, é reafirmar a importancia das estruturas de participación cidadá e consolidar este consello como máximo órgano de asesoramento en materia de voluntariado. Entre as funcións do organismo están emitir informes sobre os proxectos do Goberno no eido do voluntariado; asesorar e informar; servir de punto de encontro entre as administracións e as entidades; elaborar informes; detectar e analizar as necesidades básicas na materia; velar pola calidade das prestacións ou propoñer novas actuacións.Unha sociedade solidaria Ambas as medidas se inscriben na aposta do Goberno galego por seguir apoiando e impulsando o voluntariado, que vén incrementando a súa relevancia nos últimos anos en Galicia. Entre outras iniciativas, a Xunta desenvolve proxectos relacionados co voluntariado nos cárceres; o pasaporte solidario; o acompañamento a persoas con alzhéimer; o voluntariado dixital, nas bibliotecas, ou de carácter ambiental; o intercambio de voluntarios sénior con outros países; ou o Servizo de Voluntariado Xuvenil. Cómpre destacar, ademais, que as entidades inscritas no Rexistro da Xunta aumentaron nun 15 por cento desde 2008, de xeito que agora superan as 860 asociacións. Parello a este incremento, produciuse tamén un aumento no número de persoas voluntarias inscritas, que superan xa as 36.400.

Paxina Voluntariado Galego : 17-01-2014

No hay comentarios: